A GAITA GALEGA (II)

Visite a segunda parte do artículo sobre a gaita galega na páxina "INSTRUMENTOS EMPREGADOS".

A GAITA GALEGA (I). HISTORIA

Visite a primeira parte do artículo na páxina "INSTRUMENTOS EMPREGADOS".

O BOMBO GALEGO

Visite o artículo sobre o Bombo Galego na páxina "INSTRUMENTOS EMPREGADOS".

O TAMBOR GALEGO

Visite o artículo sobre o Tambor Galego na páxina "INSTRUMENTOS EMPREGADOS".

A PANDEIRETA GALEGA

Visite o artículo sobre a Pandeireta Galega na páxina "INSTRUMENTOS EMPREGADOS".

A GAITA GALEGA (I). HISTORIA

Historia da Gaita

En Europa non se teñen referencias da gaita ata os séculos IX e X d. C., e foi na Baixa Idade Media cando a gaita obtivo gran popularidade en todo o continente, entrando en decadencia a partir do século XVIII, aínda que sobrevive no ámbito da música popular e en zonas tan dispersas, como Galicia, Asturias, León, Cantabria, Escocia, Irlanda, Bretaña, Hungría, Italia, Suíza, Suecia, Alemaña, Irán, Paquistán, India etc.

A popularidade das gaitas comezou a partir do século XII, posiblemente en relación co esplendor e desenvolvemento musical de varios lugares de Europa. Moitos modelos de gaita empezaron a desenvolverse durante esta época. Dise que Roberto Bruce, rei de Escocia, partiu á batalla de Bannockburn (1314) acompañado de gaiteiros.

Os modelos conservados de gaitas anteriores ao século XVIII son extremadamente raros. Con todo, consérvanse numerosas pinturas, debuxos, gravados e ilustracións manuscritas. As diverxencias entre os modelos adoitan ser enormes, pero parece que os fabricantes de gaitas da época eran, no seu maior parte, artesáns da madeira con coñecementos musicais e artesanais moi rudimentarios.

O papel da gaita na música variou sensiblemente de lugar a lugar, pero en Bulgaria dise que "Unha voda sen gaita é como un funeral" e en Bretaña é un elemento moi popular nos festivais relixiosos. Tamén en Bretaña e nas Illas Británicas convertéronse os gaiteiros en parte dos ministreles itinerantes, actuando como mensaxeiros e estendendo noticias e música por dondequiera que viaxasen. Os gaiteiros comezaron cara ao século XVI a desprazar en Escocia aos arpistas, os principais músicos célticos desde época romana. En 1760, Joseph MacDonald escribiu en Escocia Compleat Theory, o primeiro estudo serio de gaita e música de gaita. En Inglaterra, William Dixon xa escribira un manuscrito na década de 1730 referente á música das "border pipes", moi similares ás gaitas escocesas modernas, pero que constitúen un modelo distinto. Dixon recolleu moitas melodías populares que posteriormente serían reimpresas noutras obras semellantes. A comezos do século XIX, John Peacok coleccionou moitas das melodías de Dixon na súa selección de música de gaita.
Con todo, a medida que a música clásica occidental desenvolvíase, tanto en termos de sofisticación musical como de tecnoloxía instrumental, as gaitas de moitos países perderon popularidade nas orquestras, desaparecendo xeralmente ata o século XX.

Coa expansión do Imperio Británico, tamén se difundiu a gaita escocesa a través dos soldados e emigrantes de orixe escocesa. Con todo, o rexurdimento da gaita escocesa e doutros modelos puntuais foi excepcional e pode dicirse que ata despois da Segunda Guerra Mundial, moitas tradicións de música popular de gaita entraron en decadencia e comezaron a ser desprazadas por instrumentos de tradición máis clásica, como o violín e posteriormente polo gramófono e a radio. A gaita sobreviviu na música tradicional e nalgúns grupos pechados, por exemplo as forzas policiais de Escocia, Canadá, Australia e os Estados Unidos (aínda que non moi estendida), así como bandas folklóricas e populares. Progresivamente foi recuperando outros ámbitos, como funerais militares, civís, vodas, bailes, festas e romarías.

A gaita experimentou un certo renacemento desde a Segunda Guerra Mundial, fomentado pola popularidade da música e os bailes folklóricos, que salvou da desaparición moitos modelos de gaita que en séculos anteriores foran especialmente populares.


Como se produciu a evolución da gaita en Galicia nos últimos séculos?

Polo que á evolución en Galicia respecta, entre os séculos XII e XIV, as peregrinacións entre Galicia e outros países fixeron que a gaita se difundise por toda Europa. Esta foi levada polos peregrinos de regreso aos seus países, foi utilizada polos monxes benedictinos en pequenas igrexas rurais realizando a función que habitualmente correspondía ao órgano litúrxico. Finalmente, a gaita, foi difundida polos propios galegos que saían a outros países para buscar fortuna.

O primeiro gaiteiro galego sobre o que existe documentación escrita foi o ourensán Gómes Mouro que, segundo consta, foi contratado en decembro de 1458 polo Concello de Ourense para amenizar diversos actos.



Para obter esta información PDF, pinche aquí.


AS CUNCHAS

Información Xeral


O uso das cunchas de vieira como instrumento musical aparece amplamente documentado por toda a nosa xeografía, incluso en lugares moi afastados das costas. O forte e estridente son que emiten serve para acompañar o canto ou a melodía de todo tipo de instrumentos, sendo moi frecuente o seu uso para acompañar o canto a carón das pandeiretas, latas, pandeiros etc., ou mesmo ao pé da gaita de fol.

Para tocar as cunchas unha delas sostense na man esquerda coa parte estriada cara ao pulso ou ao revés, mentres que na man dereita se sostén sempre coa parte dentada cara aos dedos. A cuncha da man dereita refrégase e percute sobre a da esquerda podendo producirse todo tipo de ritmos e riscados, obtidos estes debuxando círculos cunha cuncha sobre a outra. 

No sistema de cultura tradicional galego, as cunchas, pese a non ser construídas para o fin musical, son consideradas como instrumentos musicais. Se ben o útil en si mesmo ten pouco valor, como instrumento musical é tido en grande estima para o acompañamento, equiparándose a outros instrumentos musicais como a pandeireta ou o pandeiro, pois só cunhas cunchas e o canto podíase interpretar unha melodía e polo tanto facer unha festa. As cunchas tócanas mulleres e homes en Galicia, polo que non presentan unha filiación sexual clara.



Historia


Non sabemos cando as persoas comezaron a empregar as cunchas como instrumentos musicais, pero os estudosos supoñen que o emprego de idiófonos entrebatidos ou refregados como os reque-reques de óso ou madeira, poderían contar entre os máis antigos instrumentos musicais empregados polo home e incluso por homínidos máis primitivos. Polos datos dos que dispoñemos, sabemos que os homínidos que poboaron a península durante o Paleolítico Medio, hai 150.000-40.000 anos, levaban a cabo enterramentos. Estes homes e mulleres practicaban xa algún tipo de rito que levaba asociadas prácticas máxicas, polo que é posible que tamén fixesen uso dalgún tipo de acompañamento musical, ben fose vocal ou instrumental. Nos xacementos peninsulares pertencentes a este período atópanse menos cantidade de rapadeiras, pero abundan os ósos tallados mediante raspado ou percusión. O raspado deste tipo de instrumentos é un procedemento musical bastante común que aínda é conservado baixo a forma de obxectos de cristal, acanalados ou rugosos, que son raspados con útiles de metal ou madeira (botellas labradas, reque-reques etc.). Sabemos tamén que nas zonas costeiras os humanos do Paleolítico Medio se alimentaban frecuentemente de moluscos, pois non é raro atopar nos xacementos costeiros acumulacións de cunchas. Por tanto é posible que algunhas especies fosen empregadas como idiófonos sacudidos, ensartando as cunchas nun cordón, ou ben como idiófonos refregados, do mesmo xeito que aínda se fai hoxe en Galicia coas valvas da vieira. No Paleolítico
Superior (31.000-8000 a.C.) os restos pertencen xa ó Homo sapiens sapiens. Esta especie de homínido posúe unha capacidade cranial superior á dos seus antecesores o que indica que podería ter tamén unhas habilidades diferentes, sobre todo a nivel de desenvolvemento de procesos simbólicos. Unha maior capacidade intelectiva implica unha capacidade superior de abstracción, e polo tanto este tipo de homínido estaría, en principio, máis dotado para as manifestacións artísticas que os seus devanceiros. Esta superior cualificación reflíctese quizais nas complexas representacións pictóricas e nos enterramentos que esta especie facía. Da complexidade destas dúas actividades os eruditos infiren que a música e a danza debían xogar un papel importante nas súas manifestacións artísticas . Neste período volven a aparecer obxectos líticos e óseos, como raspadeiras e rapadeiras, xunto con outros cada vez máis especializados. Adolfo Salazar comenta a aparición na cova da Zájara en Almería dunha cuncha de vieira cunha perforación moi clara, que ben puido ser empregada a xeito de castañola ou ben como idiófono refregado. Esta cuncha pertence ao período Auriñaciense (aproximadamente hai uns 38.000 anos). Leite de Vasconcelos documenta un uso destas cunchas que poderiamos cualificar de ritual, pois unha cista do Algarve amosa a urna cuberta cunha cuncha de vieira; sen que isto signifique un uso musical, si implica polo menos o seu coñecemento e uso simbólico.


Para obter a información PDF, pinche aquí.

A GAITA GALEGA (II).

Partes

A gaita galega consta de:

  • Un soprete, co que se introduce o aire no fol.
  • Un punteiro, co que se pode tocar en "aberto", ou en "pechado".
  • Un fol, onde se almacena o aire que fai que soe o instrumento.
  • Un roncón, o tubo que se apoia sobre o ombro do gaiteiro, que soa na mesma nota que o son do punteiro na posición de re, pero dúas oitavas máis abaixo.
  • Un ronquete, o tubo que se apoia sobre o antebrazo dereito do gaiteiro, que soa na mesma nota do roncón, pero unha oitava máis arriba que este e unha máis abaixo que a posición Re do punteiro.
  • Un ronquillo, que sae do fol paralelo ao ronquete, que soa con igual nota que a posición Re do punteiro, unha oitava máis arriba que o ronquete e dúas máis arriba que o roncón.
O roncón componse de tres pezas: a tercia, ou parte final, por onde sae o son que remata na copa, a segunda e a prima. O ronquete está composto de dúas pezas respectivamente, copa e prima. O ronquillo é de unha soa peza.

O roncón, o ronquete e o ronquillo afínanse á nota do punteiro escorregando telescopicamente as súas partes compoñentes, de tal maneira que o tubo resultante é máis longo ou máis curto, adecuándose así á altura da nota emitida.

As gaitas adórnanse con gravuras sobre a madeira, deseños sobre o fol,farrapos e borlas. As cores máis empregadas son o negro con verde e vermello. A gaita galega adoita ser construída con madeira de buxo, pau santo e granadillo. As buxas (os tubos que conectan as pezas) fixéronse tradicionalmente de corno ou madeira de buxo, mais os modelos en metal ou marfil (ou de imitación) son cada vez máis frecuentes. Na actualidade utilízanse foles de gore-tex, pallóns sintéticos, válvulas máis incrementadas, estabilizadores de bordóns e controladores de humidade interna da bolsa.


Tipos de gaitas empregadas en Galicia

  • Gaita tradicional: consta de fol, punteiro, roncón e soprete.
  • Gaita con ronqueta: engádeselle unha ronqueta pequena frontal.
  • Gaita con ronqueta e chillón: engádeselle un chillón frontal.
  • Gaita de barquín: adaptación dunha gaita irlandesa na que, en vez de soprar, o aire insúflase cun barquín.
  • Gaita de banda ou marcial: adaptación da gaita escocesa na que a ronqueta e o chillón colócanse á par do roncón. Adoita estar afinada en Si bemol.
A existencia deste último tipo, introducida pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense a finais do século XX, provocou unha forte controversia cos gaiteiros "tradicionais".



Execución


Para a gaita existen dous modos de dixitación:
  • "aberto": érguense os dedos até a nota que se desexa
  • "pechada": só se ergue o dedo do que se desexa facer a nota.
Dado que o sopro de ar é continuo, para separar as notas do mesmo ton recórrese a dúas técnicas:
  • "picado": realízase un golpe seco e rápido cos dedos, normalmente superiores á nota que se
    quer repetir, separándoos dos buracos que tapan.
  • "batemento": golpéase cun ou varios dedos simultaneamente sobre os buracos abertos do punteiro.


Para obter esta información PDF, pinche aquí.

O BOMBO GALEGO

Información Xeral


Dentro do noso sistema de cultura tradicional o bombo é considerado un instrumento musical propiamente dito, pero desde logo non o é tanto como outros que teñen o don da melodía. A consideración social do instrumentista foi normalmente inferior á do tamborileiro, quizais debido á maior facilidade con que se aprende a tocar. É un instrumento que aparece sempre asociado ás gaitas de fol e foi fundamentalmente masculino, tocado por homes e nenos. Coma no caso do tambor, moitos nenos e rapaces interesados na música comezaron a súa integración nos grupos de gaiteiros da man deste instrumento.



Características do Instrumento


O instrumento musical que en Galicia se denomina bombo é un tambor chato, cun diámetro de caixa de entre 60 e 90 cm, que foi decrecendo co paso do tempo, e unha altura duns 25-30 cm. Fabrícase integramente en madeira dun xeito semellante ao que xa describimos para os tambores que acompañan ás gaitas de fol.

Como os tambores tradicionais, algúns bombos aparecen pintados de azul e branco, azul e vermello ou marelo e encarnado, e é moi frecuente nos grupos folclóricos que a pel que non é batida coa maza estea ricamente ornamentada, ben co nome do grupo e algunha filigrana, ben con escenas costumistas. 



Historia

Xunto co tambor formou parte do acompañamento dos gaiteiros solistas nalgunhas zonas de Galicia, malia ser descoñecido neste uso noutras zonas, sobre todo naquelas máis arcaizantes, motivo polo que podemos dicir que seguramente se incorporou ao gaiteiro solista con posterioridade ao tambor. Os bombos forman parte imprescindible dos cuartetos tradicionais formados por gaita de fol, clarinete, caixa e bombo; dos grupos de requinteiros da Ulla formados por unha ou dúas gaitas de fol acompañadas de unha ou dúas requintas con caixa ebombo, así como dos cuartetos de gaita que se popularizaron a partir de principios do século XX, integrados por dúas gaitas de fol, tambor ou caixa e bombo. A súa función tradicional dentro de todas estas agrupacións é remarcar o pulso da melodía.

Segundo James Blades o tambor que os galegos denominamos bombo (o bass drum) parece ter tido pouco protagonismo en Europa na Idade Media ou no Renacemento, aínda que parece que se coñecía
no Oriente Medio desde tempos remotos, pois foi empregado polos sumerios e probablemente tamén polos gregos antigos. O bombo foi usado no Oriente Próximo durante toda a Idade Media e segue a selo hoxe en día. San Isidoro de Sevilla nas súas Etimologiae (c. 600 d.C.) describe un tambor coñecido co nome de symphonia como unha madeira escavada, cuberta con pel polos dous lados e que os músicos tocan en ambas as caras empregando uns paus. Blades considera que puidera tratarse dun bombo, pero outros autores opinan que máis ben puidera ser unha especie de darabukka con peles nos dous extremos como as que aparecen representadas nas iluminacións das Cantigas de Santa María (s. XIII). O caso é que as primeiras referencias seguras que existen a un bombo en Europa son unha pintura de Tiziano (c. 1477-1576), a Alegoría da Victoria de Lepanto, conservada no museo del Prado, que amosa entre os símbolos otománs da media lúa un gran tambor, de pouca profundidade (comparada co diámetro dos parches), que é golpeado con senllas mazas. As peles aparecen tendidas por dous aros, un deles atravesado por unha corda que se dispón en zigzag. A outra iconografía é unha pintura de Vittore Carpaccio (1460-1525) que amosa un músico turco tocando un bombo chato, grande, con dúas peles tensadas por un entrelazado de cordas en zigzag e sostido verticalmente, o músico bate nunha das peles empregando dous paus, exactamente igual a como se segue a facer hoxe nos tambores de antroido de Vilariño de Conso. De aquí ata a súa aparición xeneralizada nas bandas de música e orquestras de finais do XVIII, só se conserva outra evidencia do seu uso en Europa nun gravado alemán de mediados do século XVI. Deste xeito, é moi posible que fosen as orquestras turcas do imperio otomán as que introducisen en Europa o instrumento que hoxe coñecemos como bombo. A partir de aí, foron as bandas populares, que comezaron a operar en Galicia na segunda metade do século XIX, as responsables da introdución do bombo na nosa música tradicional; así e todo, debemos dicir que aínda que tamén a caixa se introduciu desde as bandas populares, o bombo fíxoo bastante antes, pois xa a finais do século XIX aparecen multitude de documentos fotográficos que amosan ao bombo en compaña do tambor acompañando os gaiteiros. Tamén debemos aclarar que outros instrumentos galegos como os tambores de antroido ou os bombos de mallada, pese á súa aparente similitude cos bombos non están emparentados con eles e son, con seguridade, moito máis antigos na nosa cultura, pois o seu sistema de construción a partir de troncos
de árbore baleirados, así como os xeitos de tensado das peles, os tipos de maza etc., así o indican.

É frecuente pensar que o fenómeno da substitución do tambor pola caixa de metal e parafusos, provinte das bandas populares, afectou tamén ao bombo, pois durante todo o século XX documéntanse en Galicia grupos de gaiteiros que empregaron bombos con caixas e aros de metal tensados por medio de parafusos, bombos que se consideran máis modernos que os tensados por medio de cordas nos ambientes folclóricos. Pero isto non é nada seguro. Se os primeiros bombos que se usaron ao pé da gaita de fol se importaron das bandas populares e nestas os bombos eran de parafusos, é posible que despois da súa introdución e popularización entre os músicos tradicionais comezase a existir unha fabricación local pero empregando cordas en vez de parafusos, como no tambor. Deste xeito, é posible que o bombo de parafusos sexa máis antigo na nosa música tradicional que o de cordas.



Para descargar esta información PDF, pinche aquí.




O TAMBOR GALEGO

Características do Instrumento

O tambor galego é un instrumento chato, no que a altura da caixa non supera nunca o diámetro da mesma. Esta caixa fabrícase de diversas madeiras (nogueira, cerdeira, piñeiro, castiñeiro etc.) dobrando unha táboa duns 5 mm de grosor que é reforzada internamente con dous ariños na súa parte superior e inferior, malia que é posible que antigamente se fabricasen tamén baleirando troncos de árbores.

A corda enlaza os bozos formando un zigzag de xeito que, en vertical, apréciase unha forma de V. No vértice de cada unha destas V sitúase un zuncho, unha peza de coiro que xungue dúas cordas e que permite tensalas ao desprazarse cara ao extremo oposto.

Os tambores aparecen por veces pintados de azul (os aros) e branco (a caixa), azul (caixa) e colorado (aros), tintados de cores escuras e, máis raramente, doutras cores como o amarelo e o vermello, tendo a maior parte das veces a cor propia da súa madeira.

O tambor galego que acompaña á gaita de fol vai sempre equipado con bordóns normalmente na pel inferior, malia que tamén hai moitos exemplos de tambores que os levan nas dúas peles e incluso aparecen estes nas iconografías, caso do representado na capela da Casa Grande de Ronsende (Sober, Lugo). Os bordóns son cordeliños que atravesan a superficie da pel diametralmente, pasando a través duns furadiños no aro e situándose en íntimo contacto con ela. Fabrícanse normalmente de tripa, de diferentes tipos de cordeis, de tiras de pel ou mesmo con cordas entorchadas de instrumentos de corda. Preséntanse adoito en número de dous sobre a pel que os leva e parten dun pequeno mecanismo cun parafuso que permite tensalos para acadar o son desexado.



Información Xeral


O tambor faise soar batendo na súa pel superior con dous paus de madeira duns 35-40 cm de longo e 15-20 mm de groso na súa parte posterior, que diminúen progresivamente de grosor cara a punta ata os 8-10 mm. Deste xeito os paus teñen forma de cono estreito e longo que remata nun engrosamento final en forma de oliva, que é o que bate na pel do tambor.

Os paus fabrícanse no torno empregando normalmente madeira de buxo, pero tamén se usaron outras madeiras duras e pesadas como a oliveira ou, actualmente, madeiras tropicais como o ébano, granadillo, pau violeta etc. De xeito paralelo á diminución no tamaño dos tambores, tamén os paus diminuíron a súa lonxitude e grosor, sobre todo na oliva final, de xeito que o son do tambor trocou considerablemente ao longo do século XX pasando dun son voluminoso, grave, retumbante e abordoado para outro moito máis agudo, opaco, sen bordón e de moito menos volume.

O tambor tócase coas peles en posición case horizontal, lixeiramente inclinadas cara á parte esquerda do tocador. Agora pendúrase da cintura do músico (chamado tamboriteiro ou tamborileiro) mediante un ferro plano, dobrado en ángulo agudo, acolado á caixa do tambor e que se introduce dentro da cintura do pantalón ou a faixa.

A técnica de execución do tambor galego é rica e inclúe redobres abertos e pechados, golpes sobre os aros e cunha baqueta sobre a outra, contratempos á melodía etc. Os tamboriteiros e gaiteiros consultados ao respecto coinciden en que o tambor debe “cantar” a melodía da gaita de fol, é dicir, debe imitar os debuxos melódicos e rítmicos desta dentro das súas posibilidades.


Historia


En opinión do profesor Sachs, a etimoloxía da palabra tambor poderiámola buscar xa en tempos babilónicos (aprox. no III milenio a.C.) cando certos pequenos tambores de marco que as mulleres tocaban directamente coas mans parece que recibían o nome sumerio de balag-di; o equivalente en lingua acadia deste termo sería timbutuou tibbu. A mesma raíz deste nome acadio volve aparecer na lingua tamil, na que o substantivo empregado para se referir ao tambor é tambattam. Corominas (1954) defende a teoría de que o termo castelán tambor procede do persa tabîr, palabra que se modificou ao pasar ao árabe, onde debeu de confundirse co nome dun instrumento de corda denominado tanbûr (con tampa harmónica de pel). As palabras antigas castelás son atambor e atamor que aparecen primeiramente documentadas no Poema de mío Cid (s. XII) (vv. 696, 1658, 166, 2354) . En Portugal a voz tambor emprégase por primeira vez no “Diário da Viagem de Vasco da Gama” do 1498. Pouco máis tarde, Miguel de Cervantes (1547-1616) emprega xa esta mesma voz (El Quijote, II, 36) pero alternándoa coa de atambor (Persiles, III, 12). No Diccionario de Autoridades (1732) aparece o instrumento co nome de atambor, explicando que se chama máis comunmente tambor. Xa en Galicia, nin atambor ou tambor, nin tabal ou atabal aparecen nos textos medievais escritos en galego, polo menos naqueles rexistrados no Tesouro Medieval Informatizado do Instituto da Lingua Galega. Si que puidemos documentar a voz atambor en Galicia no século XVI, como logo veremos,
pero en textos escritos en castelán.

Na Idade Media existía xa en Europa o tambor pero cunha grande variedade de formas, chatos e altos, con bordóns nas dúas peles ou só na de arriba. Todos os tambores medievais eran tensados con arrochos e cordas tendidas en zigzag, malia que algúns amosan un sistema diferente no que a mesma corda se entrelaza para permitir a tensión, como sucede aínda nos tambores de antroido de Vilariño de Conso (Ourense), os bombos da zona portuguesa do Fundão ou algúns tambores que aparecen nas fotografías galegas de finais do século XIX ou principios do XX. Curiosamente, moitos dos tambores medievais dos que temos novas na península ibérica tiñan un diámetro moi semellante á súa altura, característica que aínda se conserva nos nosos tambores tradicionais, mentres que no resto e Europa son frecuentes ostambores cunha altura moi superior ao diámetro da caixa.

Nas poucas representacións medievais nas que o tambor non aparece asociado á frauta de tres furados, segue a representarse pendurado dunha man pero agora percutido con dous paus. Este xeito de soster o tambor aparece no tríptico do nacemento de Santiago de Vilamaior do Val (s. XVII) de Verín onde un tamboriteiro de cor acompaña a un gaiteiro; tamén se ve nas fotografías que se conservan do gaiteiro Rilo de Betanzos (s. XIX), e aínda se conservou na zona norte da provincia da Coruña ata o día de hoxe, por canto é posible que o tambor que acompaña á gaita de fol en Galicia teña unha orixe dupla: os máis pequenos e pendurados do pulso do tocador poden proceder directamente do tambor asociado á frauta de tres furados, mentres que aqueles máis grandes, pendurados da cintura cun gancho ou ben do ombreiro do músico cunha correa a xeito de bandoleira, como aparece no da capela da Casa Grande de Rosende (Sober, Lugo), poderían proceder do tambor militar europeo.

Tamén debemos observar que en Galicia aparecen hoxe dúas denominacións diferentes para os tambores consideradas como sinónimos, pero que poderían indicar esta dupla procedencia: tambor e tamboril. A primeira fai referencia seguramente aos tambores grandes, descendentes dos militares; mentres que a segunda, en diminutivo, probablemente hérdase dos tambores máis pequenos que os tamboriteiros penduraban do seu brazo para acompañar a frauta. As dúas denominacións, tamboril e tambor (ou atambor e tamén atabal nos documentos máis antigos) aparecen nos contratos de músicos realizados polos concellos e confrarías para as diferentes celebracións e para o Corpo de Deus xa durante o século XVI, denominándose os músicos tamboriteiro, como aínda se fai na comarca da Fonsagrada, ou tamborileiro que é a máis frecuente no resto de Galicia. Nos lugares onde aínda se conserva a frauta e o tambor tocados pola mesma persoa, caso do Bierzo ou a Maragatería o músico recibe este mesmo nome: tamboriteiro.

Hai autores que opinan que o tambor de uso militar provén daquel asociado coa frauta de tres furados que foi un instrumento popular en toda a Europa medieval, máis ben de tamaño reducido, que no século XIII comeza a ser usado polos exércitos do oeste europeo, aumentando o seu tamaño, pero sen abandonar aínda a súa asociación coa frauta. Para Pierre Bec a orixe é outra: a estreita similitude entre o tambor militar medieval e o tablárabe, tocado con dous paus sobre a mesma pel, poderían indicar que o uso do tambor percutido con dous paus para o seu uso en eventos sociais foi introducido en Europa polos árabes a través da Península. A denominación máis antiga destes tambores como atabais (s. XIII-XIV) parece apoiar esta hipótese. Esta denominación aínda se conserva na lírica tradicional galega.

Outra voz, tabal, aparece en varios dicionarios galegos co significado de “barril de pino onde se prensan e gardan as sardiñas salgadas”, pero non é definido como instrumento musical.

Outros autores defenden que o tambor militar, dotado de bordóns, podería ter unha orixe diferente da destetambor empregado nos eventos sociais: puido ser introducido en Europa polas bandas do exército otomán que chegaron a Viena arredor do 1529 exercendo probablemente bastante influencia entre os construtores e tocadores de tambores suízos. Estas bandas empregaban o davul, un gran tambor con bordóns.

Sexa como for, o caso é que desde aproximadamente o século XIII o tambor formou parte de conxuntos militares nos que sempre aparece a carón de trompetas e anafís. As primeiras referencias ao tambor tocado deste xeito aparecen na Gran Conquista de Ultramar (c. 1291-1295): “Mandaron tañer las trompas é atabales que traian muchos” e pouco despois no Libro del Buen Amor (1330) do Arcipreste de Hita “Trompas e añafiles salen, con atabales”. Durante os séculos XIV e XV o tambor seguíu con este mesmo uso tendo unha das súas primeiras representacións detalladas no Sintagma Musicum (1614-1620) de Michael Praetorius. Tamén no tratado de Marin Mersenne, Harmonie Universelle, se representa un tambor militar totalmente idéntico ao empregado aínda en Galicia.

O tambor militar sempre foi tocado con dous paus e xa no século XVI o bordón se situaba debaixo da pel inferior, se ben aparecen representacións como a de Mersenne que amosan tamén tambores con dous bordóns, un en cada pel, morfoloxía que aínda aparecía en Galicia a principios do século XX asociada, iso si, sempre a pequenostambores. Os grandes tambores precisaban de paus pesados coas puntas grandes, razón pola que moitas iconografías medievais amosan paus con pesadas cabezas redondeadas que aínda se conservan en Galicia e Portugal, sobre todo nos grandes tambores de antroido das comarcas de Viana e Terras de Trives.

Durante todo o século XVI segue a haber abundantes novas que sitúan o tambor (agora xa denominado atambor) en mans de militares por toda Europa normalmente asociado coas trompetas. Galicia non é caso á parte e no ano 1566, durante as celebracións en Santiago de Compostela do nacemento da infanta Isabel Clara Eugenia, o cabido dispón “[...] que para el sábado, que es de mañana en ocho días, se hagan luminarias y regocixos a la noche y lumbreras a las ventanas y fuegos a las puertas, y por la misma noche se haga máscara (cabalgata) con cascabeles, atambores y ministriles, y que la Justicia y Regimiento y los caballeros de la cibdad salgan a caballo con cascabeles a regocixar la buena nueva [...]”. Polo visto os tocadores de atambor foron Nicolás de la Granda e un compañeiro seu, mentres que o trompeteiro foi un tal Guillén da Coruña. Neste marco no que os tamboresactúan en ocasións solemnes, Pérez Costanti cita un documento que relata a celebración das festas de Santiago de Compostela no ano 1632: “Y estando el testigo en lo alto de su casa ya dispuesto, bajó al zaguán y se puso de a caballo con su máscara puesta y con trompetas, atanbores, padrinos y ymbenciones, para hacer la entrada en la plaza del hospital”, un pouco máis adiante, no mesmo documento, cítase a presenza aquel día de “clarines y tambores”. No 1732 parece que o rexemento de Santiago de Compostela tiña un tambor ao que se lle pagaron 75 reais por tocar en todas as funcións e rogativas para celebrar a reconquista de Orán, onde tamén aparece mencionado un home que tocou o pífano durante a noite da máscara (cabalgata). No 1783, durante as celebracións do nacemento do fillo de Carlos III, a cabalgata ía precedida de diversas parellas moi ben vestidas acompañadas polo toque de “pitos y tambores”.

Segundo apunta Pérez Costanti a partir de 1567 mandou­se que a concesión de graos na universidade se fixese polo Cancelario (provisor do Arcebispado) na capela de D. Lope da Catedral. Dentro destes actos os graduados eran paseados pola cidade a pé ou a cabalo, segundo os casos, acompañados de trompetas, os ministrís da catedral e os timbaleiros da Universidade: “desde que se comienza el paseo, hasta que se acabe, y en el dar de los Grados de Maestro o Doctor, ha de haber música de chirimías y trompetas y atabales” (Claustro de 19 de xaneiro de 1568). No 1735 a cerimonia pasou a celebrarse na capela do colexio de Fonseca e o claustro dese ano estableceu “para los grados se lleven trompetas o clarines habiéndolos en la Ciudad o pudiendo hallarse cómodamente, para que además de los atabales, sea con toda pompa” neste claustro establécese tamén que as chirimías toquen xunto cos claríns e tambores e se non as houbese tocasen os pífanos cos tambores e claríns.

Chegados a este punto debemos chamar a atención sobre un feito: o tocador do tambor de orixe militar sempre é denominado tambor (ou atambor, tabal ou atabal) pero nunca recibe o nome de tamboriteiro ou tamborileiro.

Polo que vimos vendo parece que durante o XVII os tambores comezan a ser acompañados con frecuencia por outros instrumentos diferentes das trompetas tales como os claríns, chirimías e pífanos], porén, non hai datos que indiquen que antes deste século o tambor sen a frauta fose empregado na música popular galega como acompañante da gaita de fol. Seguramente os paisanos usaban nas súas festas e bailes a gaita de fol xunto con algún tipo de óboe e con toda seguridade empregaron o tambor e o pito (frauta de tres furados) só ou acompañando á gaita de fol como se amosa en algunhas iconografías galegas que pronto analizaremos. Deste xeito, é moi posible que as referencias más antigas de danzas gremiais nas que se cita o gaiteiro ou tamboriteirofagan referencia ao tocador de tambor e frauta que, lembremos, é denominada aínda gaita en moitas zonas da península, incluída Galicia. Un caso claro é, por exemplo, un documento do Corpo de Deus celebrado en Bouzas (Pontevedra) do ano 1631 onde a Confraría do Santísimo compromete a Juan Conde, veciño de San Martiño de Vilaboa “a tocar en el día y la víspera del Corpus del presente año [...] con su instrumento de gaita y tamboril”. O singular de “instrumento” indica claramente que Juan Conde tocaba simultaneamente o tamboril e a frauta, aquí denominada gaita. Debemos observar tamén que noutros documentos da época que xa vimos se fai mención aostambores que acompañaban ás trompetas como atambores ou atabales e non como tamboril. Outro caso semellante aparece referido por Pérez Costanti en Ourense nun documento do 1597 que recolle o contrato da Confraría de Santa María Madre con Antonio González “tamborileiro” para actuar de por vida no Corpo de Deus e na Pascua de Flores sen mencionar ningún outro instrumentista. Noutro contrato parecido, esta vez asinado en Noia no ano 1585, obrígase a Jácome Vidal a “tañer el instrumento de tamborín a esta villa en las fiestas del San Juan, por tiempo y espacio de seis año”, neste contrato actuou de fiador Juan de Rivas de Mar, gaiteiro veciño de Noia. Semella, xa que logo, que no século XVI moitas danzas gremiais eran acompañadas por tocadores defrauta e tambor denominados tamborileiros ou tamboriteiros.De finais do século XVI datan outras novas referidas por Pérez Costanti que mencionan claramente ao tamborileiro tocando xunto coa gaita de fol. Unha é un contrato de 1587 con Juan Pérez, gaiteiro e veciño de Santa María de Teo (nas ribeiras do Ulla) no que consta: “y además de venir con su persona ha de traer su gaita e un tamborín a su costa y la gaita e tamborín muy bueno e bien adereçado”. Outra son dous contratos outorgados polo concello da vila do Caramiñal en 1579 polo que se obriga a Juan de Tourís, gaiteiro, e a outro Juan de Tourís “el viejo, tamboriteyro”, veciños respectivamente de San Salvador de Taragoña e Santa Baia de Araño, a tocar nas festas do Corpo de Deus de Noia. Debemos salientar que en apuntamentos semellantes do cabido compostelán dos anos 1624 e 1644 non aparece mención algunha ao tambor, mentres que gaiteiro e ferreñeiro si aparecen detallados entre os músicos contratados. Estas mencións de tamborileiros a carón de gaiteiros teñen sido interpretadas, baseándose no estado actual da tradición galega, como gaiteiros acompañados de tambor, pero a realidade puido ser moi diferente e poderían referirse a tocadores de
pito e tambor que acompañaban a gaiteiros, pois as iconografías desta época así o indican claramente. A máis clara é desde logo a de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela, 1647), pero tamén aparece esta parella na igrexa de Santa María de Meiraos (Folgoso do Courel, Lugo, 1614) e no cantoral de San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela, s. XVIII) que amosamos no apartado correspondente ao pito etambor. No cadeirado do coro da catedral de Lugo aparecen as alegorías animais dun gaiteiro e un ferreñeiro dun lado, e dun tamboriteiro e un violinista do outro (6, 22). Estas tallas son de autores galegos e representan tocadores de pito e tambor a carón de gaiteiros. Este conxunto non ten nada de estraño, segundo nos informan os nosos amigos Luís Mondelo e Rafa Busto: no Bierzo e na Maragatería parece que o gaiteiro tocou xunto co instrumentista de frauta e tambor (o tamboriteiro) ata ben entrado o século XX, ficando incluso documentos fotográficos que vinculan a esta parella coas danzas. Deste xeito, colle a posibilidade de que a finais do século XVI gaiteiros e tocadores de frauta e tambor compartisen escenario e que esta asociación se mantivese durante todo o século XVII e XVIII, transformándose paulatinamente na parella de gaita de fol e tambor que chegou ata nós; as probas documentais así o indican tamén.

A primeira iconografía galega que coñecemos onde aparece a gaita de fol acompañada do tambor está nas tallas da sancristía da catedral de Tui, obra de Domingo Rodríguez, galego de Pazos de Borbén (Pontevedra), finalizada no 1715. Aquí aparecen representados un raposo tocando un corno, un gaiteiro e á dereita un mono tocando otambor. Non entanto, que o mono pete no tambor cun só pau podería deberse a que non se representou o outro pau, ou ben non se tallou a frauta, pero o detalle e realismo das tallas indica que é moi posible que a principios do XVIII algúns tamboriteiros acompañaran ao gaiteiro petando cun só pau no tambor, formando así un conxunto que está a medio camiño entre a gaita de fol e o tamboriteiro con frauta, e a gaita de fol acompañada polo tambortocado con dous paus. Por estraño que poda parecer, o tamboriteiro acompañando á gaita de fol cun tambor tocado cun só pau e sen frauta documéntase na Maragatería durante o século XX 34. Sexa como for, o caso é que a primeira referencia segura a un gaiteiro acompañado de tambor en Galicia aparece na xa referida cita de Frei Martín Sarmiento do 1746 no Coloquio de 24 gallegos rústicos. Desde aquela o tambor mantívose a carón da gaita de fol, e aparece en iconografías posteriores como os frescos da capela da Casa grande de Ronsende (Sober, Lugo), pintados no 1816 por Juan Bernardo Pérez de Castinandi e agora destruídos polo lume, que amosaban dous anxos: un tocando unha gaita de fol e outro un tambor pendurado dunha correa e con bordóns na pel superior. No século XIX a parella de gaita de fol e tambor aparece xa perfectamente establecida en Galicia e representada con moita frecuencia.

Deste xeito, é probable que fose durante o século XVIII cando o tambor pasou a acompañar ás gaitas de fol na nosa música tradicional, se ben a gaita de fol soa ou as parellas de gaita de fol e tambor compartisen durante algún tempo (quizais máis dun século) a escena co tocador de pito e tambor ata que esta modalidade de acompañamento das danzas acabou por extinguirse nun momento difícil de determinar e que a ben seguro debeu de variar moito dependendo do illamento da zona.

Resumindo, se ben non podemos descartar que o tambor que acompaña á gaita de fol galega teña unha dobre orixe no tambor militar (os máis grandes), e nos tamboriteiros (os máis pequenos e pendurados do pulso), nós inclinámonos a pensar que a primeira vez que un tambor tocou en Galicia ao pé dunha gaita de fol foi por asociación co músico de pito e tamboril (o tamboriteiro ou tamborileiro) quen máis tarde abandonou a frauta. Quizais despois de establecida esta parella foi cando os grandes tambores militares comezaron a empregarse para acompañar á gaita de fol, manténdose así ata os nosos días. Pero esta parella non deixou de pasar por algún que outro avatar. Vexamos agora esta outra parte da historia.

O tambor penetrou na música culta primeiramente nas bandas militares a principios do século XVIII, e non foi ata 1779 cando Christoph Gluck (1714-1787) introducíu por primeira vez o tambor na súa obra Eco e Narciso . A partir de aí o seu uso xeneralizouse, pero pronto foi substituído pola caixa de aros metálicos tensada con parafusos. Na segunda metade do século XIX as bandas populares comezaron a ter forza en Galicia, pero non tocaban o tambor senón esta caixa, de xeito que no ambiente rural o tambor foi sendo substituído por este novo instrumento, fenómeno que aconteceu en case toda Galicia excepto nas montañas dos Ancares e nalgúns concellos das mariñas luguesas, onde os gaiteiros continuaron acompañándose do instrumento de madeira e pel ao longo case todo o século XX.

Posto que foi compañeiro inseparable da gaita de fol durante dous séculos polo menos, a lírica tradicional menciona adoito este instrumento

A corrente folclórica galega, comezada polo grupo coral Aires da Terra a finais do século XIX, foi continuada e popularizada a partir dos anos 1920 polo sonadísimo grupo de gaiteiros de Soutelo de Montes liderado polo gaiteiro Avelino Cachafeiro. Este grupo mantivo e estendeu de novo entre os grupos de gaiteiros que foron aparecendo á súa imaxe e semellanza, o uso do tambor como acompañante da gaita de fol, sendo hoxe máis frecuente de novo o uso deste instrumento que o da caixa, polo menos entre os grupos folclóricos, pois os gaiteiros tradicionais seguen a preferir a caixa, que, por certo, está agora mesmo recobrando forzas outra vez entre os grupos folclóricos.

Nos Ancares aínda o tambor conserva unha certa relación coa mística e a maxia: escoitar tocar un tambor preto da casa é o aviso de morte máis frecuente, é ao que lle chaman tambor de morte.

No sistema de cultura tradicional galego o tambor foi sempre un instrumento musical propiamente dito e netamente masculino, situación que non mudou ata aproximadamente os anos 1970 cando a muller comezou tamén a tocalo. Desde antigo foi un costume moi enraizado o de meter os nenos que lles gustaba a música a tamborileiros. Desta situación quédannos multitude de documentos, sobre todo fotográficos, e tamén algún dito:O que queira ter un fillo pillo, que o meta a tambor ou a monaguillo.

Tambor e tamboriteiro gozaron e gozan dunha grande consideración dentro da música tradicional galega, de xeito que os bos instrumentistas eran e son moi apreciados tanto polos gaiteiros como polos bailadores e resto de público interesado na música. Con todo, e pese á súa consideración como instrumento musical propiamente dito, o pobo confirma a situación do tambor dentro dos útiles ruidosos; lembremos senón as partituras dos Trintas de Trives onde caixa e bombo se indican como “ruído”.



Para obter esta información PDF, pinche aquí.


A PANDEIRETA GALEGA

Características do instrumento

Está formada por un aro sobre o que se tensa unha pelica de cabra, cubrindo un lateral. Suxeito a el hai un conxunto de elementos. Adóitase tocar batendo o coiro contra os dedos, a palma da man, o puño ou o pulso, ou ben facendo vibrar o coiro por fricción cos dedos, nun movemento que se chama repenicar ou triscar.

O tamaño da pandeireta é moi variado (dende os 13 cm a máis pequena ate os 28 cm a máis grandes; nalgúns casos chegan a ter 40 ou 50 cm, pasando a chamares pandeiras). Son habituais tanto na música tradicional de todo o mundo, como noutras formacións. A vistosidade e dificultade a hora de manexar este instrumento leva a premiar o "mellor pandeireta" en cada certame que se realiza.


A pandeireta en Galiza

En Galiza a pandeireta é un instrumento moi habitual, pola súa facilidade de emprego. O aro fúrase para introducir entre 9 e 13 pares de ferreñas ou ferriñas, de latón ou outros metais, que lle dan o seu son característico. Ten arredor de 25 centímetros de diámetro, e un burato ou un rebaixe facilita a colocación do furabolos ao tocala. Tócase agarrándoo coa man dereita e manténdoa ergueita verticalmente. Xírase sobre o seu eixo vertical central, facéndoa bater contra a man esquerda (estendida, pechada ou contra os dedos), ou contra o puño ou o pulso. Existen ademais outras variantes interpretativas, como abaneos ao aire ou, estando sentado, contra a perna e a man, en movemento vertical.

En Galiza tamén existe a mencionada pandeira, duns 40 ou 50 centímetros de diámetro, e máis ferreñas no aro. Ambas empréganse como instrumento de acompañamento, maiormente co canto feminino, ou ben acompañando conxuntos instrumentais, gaitas. Xeograficamente a pandeireta atópase en toda Galicia, salvo na zona da Fonsagrada, onde é mais habitual a pandeira.


Historia

O instrumento remóntase a varios miles de anos atrás, tendo sido tocado en Exipto, Asia Menor e sendo mencionado na Biblia en varias ocasións coma "tímpano", denominación coa que tamén se coñeceu en latín, lingua que serviu de ponte entre o hebreo orixinal e as linguas latinas actuais. Está comunmente aceptado que a denominación galega procede do latín "pandorius" aínda que, como acabamos de ver, "tímpano" foi talvez o nome propio latino. De todas formas, resulta moi difícil distinguir entre a tipoloxía cadrada (pandeiro) e a redonda (pandeireta) cando se investiga tomando textos antigos, xa que ambos os instrumentos tiveron a mesma denominación en diferentes etapas históricas e zonas do mundo.

Proba da popularidade que tivo a pandeireta dende época medieval, no noroeste peninsular, é a talla en pedra dunha imaxe de tocadora de pandeireta nun capitel da igrexa de San Xoán de Amandi en Villaviciosa (Asturias), que data do século XII, así coma a imaxe procedente do Cancioneiro da Ajuda galaico-portugués, procedente do século XIII. Curiosamente, esta mesma historia está moi asociada ao instrumento maior do grupo, a pandeira ou pandeiro.

No 1536, nas festas do Corpus e de San Gregorio organizadas polo cabido da Seo zaragozana, figura un músico de pandeireta, e así mesmo, nun documento de 1558 procedente da obraría de San Paulo, figura outro ministril do instrumento de 1561. No 1596 estivo prohibida por un decreto de Filipe II, decreto que estivo en vigor até varios anos despois de 1765; pero non por iso conseguiu que se perdese a tradición de asociar a pandeireta ás panxoliñas.

Entre as súas representacións máis coñecidas figura a serie dos Anxos Músicos de Fra Angelico (1387-1455, no Museo San Marco, Florencia), moi similares aos que pintará nun retablo Agostino di Duccio, a mediados do século XV, no templo Malatestiano (Igrexa de San Francesco, Rimini). O exemplar da Aparición da Virxe a unha comunidade, de Pedro Berruguete (1450-1504, no Museo do Prado) está menos detallado. Unha magnífica representación dunha pandeireta ou pandeireto encóntrase no anónimo español (século XVI) Anxos Músicos, Museo do Prado; os seus axóuxeres son de menor diámetro se os comparamos cos debuxados por Fra Angelico, e tamén o seu marco é máis estreito. Pola súa configuración achégase aos modelos populares aínda en uso. Outro exemplo, sen membrana e, por tanto, formada só por un aro de madeira con diversos xogos de axóuxeres, é o que pinta Esteban March nun bo retrato titulado Anciá cuns axóuxeres (Museo do Prado). Os dous modelos, con e sen membrana, están representados no Éxtase de Santa Cecilia, de Rafael (1483-1520, na Pinacoteca Nazionale, Bolonia). A pandeireta foi, e está sendo, moi usada nos máis diversos contextos, dende a música sinfónica ate a música pop-rock.


Para obter esta información PDF, pinche aquí.
















ESTREAMOS WEB

Benvidos a bordo da nosa nova páxina web, convidámosvos a que vos mergulledes nas diferentes
seccións donde atoparedes información sobre a banda, fotos, artigos sobre música e cultura galega, datos profesionais e de contacto e moitas sorpresas máis que iremos desvelando.
Agardamos que vos guste.