A GAITA GALEGA (II).

Partes


A gaita galega consta de:

  • Un soprete, co que se introduce o aire no fol.
  • Un punteiro, co que se pode tocar en "aberto", ou en "pechado".
  • Un fol, onde se almacena o aire que fai que soe o instrumento.
  • Un roncón, o tubo que se apoia sobre o ombro do gaiteiro, que soa na mesma nota que o son do punteiro na posición de re, pero dúas oitavas máis abaixo.
  • Un ronquete, o tubo que se apoia sobre o antebrazo dereito do gaiteiro, que soa na mesma nota do roncón, pero unha oitava máis arriba que este e unha máis abaixo que a posición Re do punteiro.
  • Un ronquillo, que sae do fol paralelo ao ronquete, que soa con igual nota que a posición Re do punteiro, unha oitava máis arriba que o ronquete e dúas máis arriba que o roncón.
O roncón componse de tres pezas: a tercia, ou parte final, por onde sae o son que remata na copa, a segunda e a prima. O ronquete está composto de dúas pezas respectivamente, copa e prima. O ronquillo é de unha soa peza.

O roncón, o ronquete e o ronquillo afínanse á nota do punteiro escorregando telescopicamente as súas partes compoñentes, de tal maneira que o tubo resultante é máis longo ou máis curto, adecuándose así á altura da nota emitida.

As gaitas adórnanse con gravuras sobre a madeira, deseños sobre o fol,farrapos e borlas. As cores máis empregadas son o negro con verde e vermello. A gaita galega adoita ser construída con madeira de buxo, pau santo e granadillo. As buxas (os tubos que conectan as pezas) fixéronse tradicionalmente de corno ou madeira de buxo, mais os modelos en metal ou marfil (ou de imitación) son cada vez máis frecuentes. Na actualidade utilízanse foles de gore-tex, pallóns sintéticos, válvulas máis incrementadas, estabilizadores de bordóns e controladores de humidade interna da bolsa.


Tipos de gaitas empregadas en Galicia

  • Gaita tradicional: consta de fol, punteiro, roncón e soprete.
  • Gaita con ronqueta: engádeselle unha ronqueta pequena frontal.
  • Gaita con ronqueta e chillón: engádeselle un chillón frontal.
  • Gaita de barquín: adaptación dunha gaita irlandesa na que, en vez de soprar, o aire insúflase cun barquín.
  • Gaita de banda ou marcial: adaptación da gaita escocesa na que a ronqueta e o chillón colócanse á par do roncón. Adoita estar afinada en Si bemol.
A existencia deste último tipo, introducida pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense a finais do século XX, provocou unha forte controversia cos gaiteiros "tradicionais".



Execución


Para a gaita existen dous modos de dixitación:
  • "aberto": érguense os dedos até a nota que se desexa
  • "pechada": só se ergue o dedo do que se desexa facer a nota.
Dado que o sopro de ar é continuo, para separar as notas do mesmo ton recórrese a dúas técnicas:
  • "picado": realízase un golpe seco e rápido cos dedos, normalmente superiores á nota que se
    quer repetir, separándoos dos buracos que tapan.
  • "batemento": golpéase cun ou varios dedos simultaneamente sobre os buracos abertos do punteiro.


Para obter esta información PDF, pinche aquí.

0 COMENTARIOS:

Publicar un comentario