AS CUNCHAS

Información Xeral



O uso das cunchas de vieira como instrumento musical aparece amplamente documentado por toda a nosa xeografía, incluso en lugares moi afastados das costas. O forte e estridente son que emiten serve para acompañar o canto ou a melodía de todo tipo de instrumentos, sendo moi frecuente o seu uso para acompañar o canto a carón das pandeiretas, latas, pandeiros etc., ou mesmo ao pé da gaita de fol.

Para tocar as cunchas unha delas sostense na man esquerda coa parte estriada cara ao pulso ou ao revés, mentres que na man dereita se sostén sempre coa parte dentada cara aos dedos. A cuncha da man dereita refrégase e percute sobre a da esquerda podendo producirse todo tipo de ritmos e riscados, obtidos estes debuxando círculos cunha cuncha sobre a outra. 

No sistema de cultura tradicional galego, as cunchas, pese a non ser construídas para o fin musical, son consideradas como instrumentos musicais. Se ben o útil en si mesmo ten pouco valor, como instrumento musical é tido en grande estima para o acompañamento, equiparándose a outros instrumentos musicais como a pandeireta ou o pandeiro, pois só cunhas cunchas e o canto podíase interpretar unha melodía e polo tanto facer unha festa. As cunchas tócanas mulleres e homes en Galicia, polo que non presentan unha filiación sexual clara.



Historia


Non sabemos cando as persoas comezaron a empregar as cunchas como instrumentos musicais, pero os estudosos supoñen que o emprego de idiófonos entrebatidos ou refregados como os reque-reques de óso ou madeira, poderían contar entre os máis antigos instrumentos musicais empregados polo home e incluso por homínidos máis primitivos. Polos datos dos que dispoñemos, sabemos que os homínidos que poboaron a península durante o Paleolítico Medio, hai 150.000-40.000 anos, levaban a cabo enterramentos. Estes homes e mulleres practicaban xa algún tipo de rito que levaba asociadas prácticas máxicas, polo que é posible que tamén fixesen uso dalgún tipo de acompañamento musical, ben fose vocal ou instrumental. Nos xacementos peninsulares pertencentes a este período atópanse menos cantidade de rapadeiras, pero abundan os ósos tallados mediante raspado ou percusión. O raspado deste tipo de instrumentos é un procedemento musical bastante común que aínda é conservado baixo a forma de obxectos de cristal, acanalados ou rugosos, que son raspados con útiles de metal ou madeira (botellas labradas, reque-reques etc.). Sabemos tamén que nas zonas costeiras os humanos do Paleolítico Medio se alimentaban frecuentemente de moluscos, pois non é raro atopar nos xacementos costeiros acumulacións de cunchas. Por tanto é posible que algunhas especies fosen empregadas como idiófonos sacudidos, ensartando as cunchas nun cordón, ou ben como idiófonos refregados, do mesmo xeito que aínda se fai hoxe en Galicia coas valvas da vieira. No Paleolítico
Superior (31.000-8000 a.C.) os restos pertencen xa ó Homo sapiens sapiens. Esta especie de homínido posúe unha capacidade cranial superior á dos seus antecesores o que indica que podería ter tamén unhas habilidades diferentes, sobre todo a nivel de desenvolvemento de procesos simbólicos. Unha maior capacidade intelectiva implica unha capacidade superior de abstracción, e polo tanto este tipo de homínido estaría, en principio, máis dotado para as manifestacións artísticas que os seus devanceiros. Esta superior cualificación reflíctese quizais nas complexas representacións pictóricas e nos enterramentos que esta especie facía. Da complexidade destas dúas actividades os eruditos infiren que a música e a danza debían xogar un papel importante nas súas manifestacións artísticas . Neste período volven a aparecer obxectos líticos e óseos, como raspadeiras e rapadeiras, xunto con outros cada vez máis especializados. Adolfo Salazar comenta a aparición na cova da Zájara en Almería dunha cuncha de vieira cunha perforación moi clara, que ben puido ser empregada a xeito de castañola ou ben como idiófono refregado. Esta cuncha pertence ao período Auriñaciense (aproximadamente hai uns 38.000 anos). Leite de Vasconcelos documenta un uso destas cunchas que poderiamos cualificar de ritual, pois unha cista do Algarve amosa a urna cuberta cunha cuncha de vieira; sen que isto signifique un uso musical, si implica polo menos o seu coñecemento e uso simbólico.


Para obter a información PDF, pinche aquí.

0 COMENTARIOS:

Publicar un comentario